AS VODAS DE CANÁ

17 de xaneiro de 2010

Prepararon a celebración os grupos de catequese de 4º, 5º e 6º de primaria.


BENVIDOS A CELEBRACIÓN DE ES ESTE SEGUNDO DOMINGO DO TEMPO ORDINARIO:

Vimos de celebrar o Nadal e a Epifanía, pero o que celebramos nesas festas aínda o estamos a celebrar agora, porque é a gozosa manifestación de Deus na humanidade de Xesús que comeza hoxe a percorrer a súa Vida Pública realizando un primeiro signo: o milagre das vodas de Caná. Hoxe o Señor dinos a todos que podemos compartir con El un Banquete no que haberá un “VIÑO NOVO”, “UN MUNDO NOVO”, “UN AMOR NOVO”, esta é a invitación que nos fai a todos e cada un de nós.


MONICIÓN Á PRIMEIRA LECTURA (ISAIAS 62, 1-5)

Neste texto do Antigo Testamento, móstrasenos Deus coma o Esposo do seu pobo, a quen ama con un amor entrañable, a pesar das súas continuas infidelidades.

MONICIÓN Á SEGUNDA LECTURA (1 CORINTIOS 12, 4-11)

Pablo maniféstanos a diversidade de dons que o Espírito suscita dentro da comunidade, advertíndonos moi claramente que eles son verdadeiramente importantes en canto son para o ben común.

MONICIÓN AO EVANXEO (JUAN 2, 1-11)

Xesús, no Santo Evanxeo, móstrasenos realizando un signo, nunha verdadeira manifestación da súa gloria e un anticipo do signo por excelencia: a entrega de sí mesmo, do seu viño, da súa sangue, á Igrexa.

PARTICIPACIÓN NA HOMILIA:

* Xesús comeza a súa predicación, xa ten os primeiros discípulos... A escena transcorre nunha voda; pero... non teñen viño, falla o máis importante da festa. Nós tamén comezamos o tempo ordinario, o día a día do noso compromiso cristián: na casa, cos veciños, no traballo... e cantas situacións de carencia de...!. A nós este domingo, invítasenos, como fixo María, a estar atentos a esas situacións, intentar comprendelas e na medida do posible buscar solucións. Pero sen protagonismos, sen trompetas de anuncio, sen “aquí estou eu”. Só dende o diálogo, a comprensión, a escoita... poderemos ser quen de mostrar a Xesús aos demais.

* Este “facede o que El vos diga” é o que transforma a auga... auga de tristura, de soidade, de incomprensión, de calumnias, de desprezo... en viño novo de comprensión, de diálogo, de paz, de novos lazos familiares, veciñais, na Igrexa...É Xesús quen fai posible que a auga se transforme en viño sen deixar de ser nós, sen obrigas, senón dende a liberdade de sentirnos queridos polo Pai que se manifesta nos demais.
(Faranse unhas cartulinas de cores branco e morado (viño) e na lado branco estarán as palabras: tristura, soidade, incomprensión, calumnias, desprezo… que se transformarán ó darlle a volta as cartulinas brancas en cartulinas moradas de: ledicia, amizade, comprensión, diálogo, paz, axuda…)


PETICIÓNS

Pai, Ti sempre estas atento ás nosas necesidades, por iso dicimos:

SEÑOR, QUE CUMPRAMOS A TÚA VONTADE

Pola Igrexa, para que estea atenta ás necesidades das persoas para así saír ao paso de situacións de dor, de incerteza, de rexeite, de pobreza... procurando a confianza con todos, OREMOS.

SEÑOR, QUE CUMPRAMOS A TÚA VONTADE


Polas persoas que teñen responsabilidades no goberno das nacións, para que convertan a auga do desacougo, da tristura, do paro, do problema da vivenda, da enfermidade, da exclusión, da pena,... en viño novo de ledicia, liberación, de humanidade nova, de paz e amor, OREMOS.

SEÑOR, QUE CUMPRAMOS A TÚA VONTADE


Polo pobo Haitiano, que nestes momentos está sumido no caos e a desesperanza, para que as axudas materiales cheguen axiña e con elas tamén a mensaxe de que nestes tráxicos sucesos non se atopan solos.

SEÑOR, QUE CUMPRAMOS A TÚA VONTADE


Por todos os que estamos nesta celebración, para que esteamos atentos ás chamadas de Deus (“Facede o que El vos diga”) e así sexamos quen, no día a día, de ser portadores de ledicia, solidariedade, comprensión, diálogo, escoita, acollida a Deus, OREMOS.

SEÑOR, QUE CUMPRAMOS A TÚA VONTADE


Pai, Ti queres que todos participemos no banquete do teu amor. Fai que sempre nos sorprenda a túa acción entre nós e así, como María, escoitemos a voz dos que non a teñen. Por Cristo noso Señor.


.